Miño, 17 de novembro. Tras dous anos de traballo, a Asociación Seitura 22 celebrará o vindeiro xoves 23 de novembro unha xornada de presentación de resultados do proxecto de cooperación Leader “Nó Rural: dinamización de emprego rural e recuperación de terras agrarias”. Terá lugar no Centro de Apoio e Servizos ao Sector Hortofrutícola Sustentable, no Concello de Miño, durante toda a mañá, con participación aberta á cidadanía.

Trala recepción e entrega de documentación, acompañada dun café de benvida, ás 12:00 horas está previsto que o alcalde de Ortigueira e directivo do GDR Seitura 22, Valentín Calvín, xunto á directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e un representante do Concello de Miño, inauguren oficialmente a xornada. A continuación, haberá 2 coloquios e unha mesa redonda. Por este orde, ás 12:15 horas, o xerente de Seitura 22, Miguel Teixido, exercerá de moderador na conversa que manterán os técnicos do proxecto “Nó Rural” Pablo Aurelio e Diego Quintas ao redor dos obxectivos acadados e as liñas de futuro. Media hora máis tarde, e acompañada do xerente do GDR Terra Chá, Fermando Soto, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural abordará “A Lei de Recuperación de Terras: Instrumentos e retos de cara ao 2027”. E xa sobre as 13:30 horas, celebrarase a mesa redonda “Terra, mulleres e agroecoloxía”. Moderada polo presidente da Fundación para o Avance da Enxeñería Agronómica, Pedro Calaza, contará coa participación de Cristina Bañobre, produtora agraria e promotora do Centro de Apoio e Servizos ao Sector Hortofrutícola; Leticia Iglesias, xerente de “Na Horta da Avoa María” e traballadora da Agrupación Agroalimentaria do Eume, e Guillermina Fernández, do centro de formación EFA Fonteboa.

O presidente da Asociación Mariñas-Betanzos, José Antonio Santiso, e o alcalde de Miño, encargaranse de clausurar a xornada, que concluirá cunha degustación de produtos locais e unha cata comentada.

PROGRAMA NÓ RURAL