Ferrol, 4 de novembro. Soas ou acompañadas, hortalizas e legumes, estiveron esta semana máis presentes que nunca nos pratos dos comedores dos coles do Ortegal integrados na Rede EcoComedores. O CEIP José María Lage de Ortigueira e o CEIP Francisco López Estrada de Mañón repiten este ano no proxecto que impulsa Seitura 22 nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, e na véspera do festivo, recibían a cesta da compra procedente das hortas locais. Unha cesta subministrada por Seitura 22 cargada de produto de temporada co que os equipos de cociña elaboraron dende caldo de repolo, berzas ou nabizas, ata lentellas vexetais ou potaxe de fabas con cabazas. Menús deseñados polas nutricionistas do programa, de acordo cos centros educativos, e que sen dúbida trunfaron entre os comensais máis esixentes.

Con este programa, Seitura 22 busca impulsar menús saudables nos centros escolares con cociña propia, priorizando o consumo de produtos de proximidade, ecolóxicos e de temporada, apoiando así a actividade dos produtores locais e reducindo a pegada ecolóxica da alimentación. A día de hoxe, un total de 8 produtores, integrados en Agroalimentaria do Eume, participan no programa. Contan con explotacións e invernadoiros nos municipios de Moeche, Neda, Narón, San Sadurniño e Valdoviño, e o obxectivo é sumar novos aliados. Tal e como explica Miguel Teixido, xerente de Seitura 22: “a idea é planificar a produción local garantindo a demanda dos centros que se vaian sumando ao proxecto”. Unha lista que contempla hoxe, ademais dos coles de Mañón e Ortigueira, o CEIP Eladia Mariño de Cabanas, e que está aberta á adhesión de novos centros interesados na iniciativa.

A través da mesma, Seitura 22 pon á disposición da comunidade educativa un equipo de nutricionistas que avalía os menús e plantea propostas de mellora para acadar unha dieta máis saudable e ecolóxica mantendo a raia os custes das compras. Ademais, son habituais as xornadas formativas dirixidas aos equipos de comedor, familias e alumnado. A idea é ir introducindo pequenos cambios nos hábitos para lograr grandes avances de cara a conseguir unha alimentación sa dende a infancia, a mellor ferramenta para a prevención de determinadas enfermidades na etapa adulta.

REDUCIR A PEGADA ECOLÓXICA

Ademais, entre os beneficios do programa tamén está a redución da pegada ecolóxica da alimentación, favorecendo o consumo en circuitos curtos que evitan a contaminación derivada dos servizos de transporte ou mesmo a redución dos procesos de envasado.

A participación no programa está aberta, e a Asociación Seitura pon a disposición dos centros o número de teléfono 981 33 33 98 e o correo seitura22@seitura22.gal para atender consultas e facilitar a inscrición.

A Rede EcoComedores xurde en 2018 do proxecto “Alimentos da Biosfera”, está coordinado polo GDR Mariñas-Betanzos, e nel participan 11 Grupos de Desenvolvemento Rural procedentes das provincias de Lugo, A Coruña e Ourense: Asociación Desenvolvemento Comarcal Terras de Miranda, Asociación de Desenvolvemento Comarcal da Terra Chá, Asociación Montes e Vales Orientais, Asociación de Desenvolvemento Rural da Comarca de Lugo, Asociación Miño-Ulla, Asociación de Desenvolvemento Rural Limia-Arnoia, Asociación Condado-Paradanta, Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural, Asociación Ulla-Tambre-Mandeo, Asociación Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, e Asociación Seitura 22.