Miño, 22 de novembro. A Asociación Seitura 22 organiza este xoves no concello de Miño unha xornada de presentación de resultados e liñas futuras de actuación do proxecto de cooperación Leader “Nó Rural: dinamización de emprego rural e recuperación de terras agrarias”. Arrancará ás 11:30 horas cun café de benvida no Centro de Apoio e Servizos ao Sector Hortofrutícola Sustentable. Ás 12:00 horas, o alcalde de Ortigueira e directivo de Seitura 22, Valentín Calvín; a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e un representante do municipio anfitrión inaugurarán a cita, dando paso a dous coloquios e unha mesa redonda.

O primeiro coloquio estará moderado polo xerente de Seitura 22, Miguel Teixido, e contará coa participación dos técnicos do proxecto Pablo Aurelio e Diego Quintas, que

falarán de logros e futuro. De seguido, o xerente do GDR Terrá Chá, Fernando Soto, acompañará á directora xeral na súa charla sobre a normativa de recuperación de terras, na que se centrou “Nó Rural” nos últimos meses, concentrando esforzos na súa divulgación. E pechando a xornada, sobre as 13:30 horas, o público poderá seguir a mesa redonda “Terra, mulleres e agroecoloxía”. Moderada polo patrono da Fundación para o Avance da Enxeñería Agronómica, Ricardo Vázquez, contará coa participación de Cristina Bañobre, produtora agraria e promotora do centro que acolle a cita; Leticia Iglesias, xerente de “Na Horta da Avoa María” e traballadora da Agrupación Agroalimentaria do Eume, e Guillermina Fernández, do centro de formación EFA Fonteboa.

A clausura correrá por conta do presidente da Asociación Mariñas-Betanzos, José Antonio Santiso, e do alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo. Ao remate, degustación de produtos locais e unha cata comentada.