Ferrol, a 21 de agosto de 2025.
Onte tivo lugar en Vilalba a presentación de Xogal, un proxecto de cooperación impulsado por catro GDR (Terra Chá, Seitura 22, Montes e Vales Orientais e Terra de Miranda), enmarcado no programa Leader, co obxectivo de dinamizar o patrimonio cultural e turístico.
Trátase de aproveitar a maxia e o encanto das 10 vilas participantes e transformalas en taboleiros de xogo mediante a realización de experiencias de Escape Room, deseñadas coa mente posta na historia e no patrimonio propio destas vilas. Unhas citas de balde e abertas á participación de persoas de todas as idades.
No caso de Seitura 22 os concellos nos que se levará a cabo á iniciativa son Pontedeume, Neda e Ortigueira.
A primeira delas será o 5 de setembro “Pontedeume viva” e permitirá as persoas participantes revivir as Festas das Peras como nunca antes: xogando, rindo e descubrindo a ama dunha vila entre celebración e memoria.
A segunda oportunidade para participar no noso territorio será o 19 de setembro “Tesouros de Neda” e proporá unha viaxe no tempo para descubrir como Neda se converteu en referencia no Camiño Inglés, e que fai tan especial o seu pan, que conquistou a corte de Felipe II.
E xa o 11 de outubro, o Escape Room ao aire libre se trasladará a Ortigueira “Ritmos de Ortigueira”. Esta experiencia convida a descubrir a vila a través do son, a emoción, as tradicións e onde cada nota conta unha historia.
Cabe destacar que estas iniciativas realizaranse tamén nas localidades de Vilalba, Mondoñedo, Ribadeo, Viveiro, Navia, Pedrafita e Abadín.
Para participar en calquera das dez citas é moi sinxelo: so hai que completar a inscrición a través da ligazón https://skeirrumtienda.com/xogal/ , e os requisitos para participar son: contar cun teléfono móbil coa batería cargada, conexión a internet e calzado cómodo. E o máis importante, gañas de xogar, competir e descubrir os segredos dos enclaves máis fermosos e curiosos do rural galego.
