Ferrol, 26 de xuño de 2026. Representantes da comunidade educativa do CEIP Eladia Mariño de Cabanas, do CIFP Fraga do Eume de Pontedeume e do CPI Plurilingüe Virxe da Cela de Monfero participaban esta semana na reunión informativa convocada por Seitura 22 para a posta en marcha do proxecto Comedores Escolares Sustentables durante o próximo curso. Trátase dun programa co que Seitura 22 busca ofrecer apoio e asesoramento aos coles para cumprir todos e cada un dos parámetros establecidos no novo marco legal que regula os comedores escolares, co que se quere garantir unha alimentación saudable, sostible e de proximidade.

Para isto, o xerente de Seitura 22, Miguel Teixido, explicaba na reunión que o proxecto pon a disposición dos centros un equipo de nutricionistas que traballa, en base á información facilitada, na elaboración de menús tipo rotatorios que cumpran cos requisitos marcados pola normativa. Neste aspecto afondaba Natalia Hospido, farmacéutica e dietista-nutricionista, cofundadora de Nutricoles, que traballa sobre o terreo cos centros. Ademais, “Comedores Escolares Sustentables” promove talleres teórico-prácticos de cociña nos coles, abordando a elaboración de menús saudables, aproveitamento de produtos de proximidade e ferramentas para facilitar a aplicación dos novos requisitos nutricionais e de sustentabilidade.

Outra das iniciativas incluídas no proxecto son as saídas demostrativas e visitas a explotacións do territorio, dirixidas a responsables de comedor, ANPAS e direccións dos centros educativos, coas que coñecer de primeira man experiencias produtivas locais e poñer en valor o traballo das explotacións agroalimentarias de proximidade, fomentando a conexión entre o sector produtor e a comunidade educativa.

A elaboración dunha guía protagonizada pola querida familia dos Bolechas sobre a base da experiencia do proxecto, e coa que sensibilizar e concienciar á poboación infantil sobre as vantaxes dunha dieta saudable, complementará o proxecto. En todo caso, trátase dun proxecto vivo e aberto aos centros, que poden recibir información e adherirse contactando con Seitura 22 tanto nas súas oficinas de Ferrol, Ortigueira e As Pontes, como a través do teléfono 981 33 33 98 como do email info@seitura22.gal.

A ORIXE

Deste xeito, Comedores Escolares Sustentables” pretende escalar no traballo sementado polos anteriores proxectos de cooperación Leader “Alimentos da Biosfera (2021-2022)” e “Rede de EcoComedores (2023-2024)” co principal obxectivo da promoción e comercialización de alimentos locais cara comedores escolares na procura dun modelo alimentario responsable e integrado no desenvolvemento local.