Seitura 22 convida aos equipos de cociña, directivas de centros e integrantes de Anpas dos coles das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal a participar nunha xornada formativa sobre menús saudables guiada pola prestixiosa cociñeira Sandra Varela. É responsable do comedor do CEIP Os Muíños de Muxía e integrante da Red Chef 2030. Dende hai anos traballa a lume lento un modelo de alimentación escolar saudable, sostible e ligado ao territorio, e recalará este venres 23 de outubro no CEIP Francisco López Estrada do Barqueiro, en Mañón, convidada por Seitura 22. Alí, a partir das 17:00 horas, falará da súa experiencia nos fogóns, e impartirá un taller práctico no que as persoas participantes poderán elaborar un menú escolar completo con produtos de tempada e km0. A asistencia é gratuíta, pero con inscrición previa no teléfono 981 33 33 98 ou enviando un email ao correo seitura22@seitura22.gal.

A iniciativa inclúese no proxecto “Comedores Escolares Sustentables”, co que se pretende escalar no traballo sementado polos anteriores proxectos de cooperación Leader de EcoComedores.

Así mesmo, o xerente de Seitura 22, Miguel Teixido, lembra que a asociación pon a disposición dos centros escolares o apoio dun equipo de nutricionistas do proxecto de cooperación, que os acompaña no proceso, avaliando os seus menús e formulando propostas de mellora, centrándose no consumo en circuítos curtos que apoien a actividade económica dos produtores locais e contribúan á mitigación do cambio climático, reducindo a pegada ecolóxica da alimentación. Unha aposta que é a día de hoxe unha obriga legal, e que deberá ser incorporada antes do 16 de abril de 2027.

Deste xeito, a última normativa aprobada establece unha serie de compromisos como que o 45% das racións de froitas e hortalizas que se oferten nos comedores escolares sexan de temporada ou que o 5% do total do custe de adquisición de alimentos ofertados sexan de produción ecolóxica -ou polo menos 2 pratos principais de comida ao mes-.