Monfero, 14 de novembro. A Asociación Seitura 22 organizará a vindeira semana dúas xornadas informativas no Concello de Monfero sobre a Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia. Están incluídas no proxecto de cooperación leader Nó Rural, e celebraranse o martes 21 de novembro en horario de mañá no local da Cámara Agraria (11:30 horas) e de tarde no local social de Xiao (15:30 horas). Están dirixidas especialmente a emprendedores e traballadores do sector primario, así como propietarios de terras, aínda que a entrada é libre, sen necesidade de inscribirse previamente.

Abordaranse, especialmente, as ferramentas que brinda a normativa para a recuperación e posta en valor das terras agrarias de Galicia, a través dunha axeitada ordenación das mesmas e contribuíndo a crear e dinamizar a actividade económica e a calidade de vida no medio rural galego. Neste marco, as ponencias incidirán nos polígonos agroforestais, as aldeas modelo e as permutas de especial interese agrario.

Na organización destas charlas, Seitura 22 conta co apoio clave das cooperativas locais de Ponte da Pedra, Vilachá, Val Xestoso e Alto Xestoso.