Seitura 22 retomará o próximo curso a súa participación no proxecto “Comedores Escolares Sustentables”, co que busca poñer o seu gran de area na construción dun modelo de alimentación escolar máis saudable, sostible e ligado ao territorio. Nese camiño, a implicación dos centros educativos é clave, e animalos a ser parte activa do cambio é o obxectivo da reunión que Seitura 22 celebrará o xoves 25 de xuño ás 10:30 horas no CEIP Eladia Mariño, un dos coles comprometidos en campañas anteriores. A invitación faise extensiva a directivas, ANPAs e persoal de comedor daqueles centros do territorio que conten con servizo propio de cociña:

  • CPI As Mirandas (Ares)
  • CEIP Plurilingüe Eladia Mariño (Cabanas)
  • CEIP Mosteiro de Caaveiro (A Capela)
  • CEIP da Barqueira (Cerdido)
  • CEIP Nicolás del Río (Cedeira)
  • CEIP Francisco López Estrada (Mañón)
  • CEIP de San Ramón (Moeche)
  • CPI Plurilingüe Virxe da Cela (Monfero)
  • CEIP José María Lage (Ortigueira)
  • IES Fraga do Eume (Pontedeume)
  • CEIP Plurilingüe A Magdalena (As Pontes)
  • CPI de San Sadurniño
  • CEIP da Igrexa (As Somozas)
  • CPI de Atios (Valdoviño)

Na reunión presentaranse obxectivos, actividades e oportunidades dun programa que fomenta a incorporación aos menús escolares de produtos de proximidade, de tempada, e na medida do posible, ecolóxicos. Para isto, Seitura 22 pon a disposición dos centros o apoio dun equipo de nutricionistas do proxecto de cooperación, que os acompañan no proceso, avaliando os seus menús e formulando propostas de mellora. O obxectivo é acadar unha dieta saudable dende a infancia na procura da adopción duns hábitos que perduren na etapa adulta e eviten problemas futuros de saúde vinculados a unha incorrecta alimentación. Ademais, as escolas estarán apostando polo consumo en circuítos curtos, e apoiando así a actividade económica dos produtores locais, contribuíndo á mitigación do cambio climático reducindo a pegada ecolóxica da alimentación. Unha aposta que é a día de hoxe unha obriga legal, e que deberá ser incorporada antes do 16 de abril de 2027. Así, a última normativa aprobada establece unha serie de compromisos como que o 45% das racións de froitas e hortalizas que se oferten sexan de temporada ou que o 5% do total do custe de adquisición de alimentos ofertados sexan de produción ecolóxica -ou polo menos 2 pratos principais de comida ao mes-.

Deste xeito, Comedores Escolares Sustentables” pretende escalar no traballo sementado polos anteriores proxectos de cooperación Leader “Alimentos da Biosfera (2021-2022)” e “Rede de EcoComedores (2022-2023)” co principal obxectivo da promoción e comercialización de alimentos locais cara comedores escolares na procura dun modelo alimentario responsable e integrado no desenvolvemento local.

Sobre o terreo, o primeiro paso arrinca coa elaboración das fichas técnicas dos menús por parte das nutricionistas. De acordo co persoal dos centros, diminúese a porcentaxe de proteína animal nos pratos e auméntase progresivamente a de verduras e hortalizas. Así mesmo, anímase á compra de produto nas explotacións ou entidades asociativas de produtores.

Outra das liñas de traballo son os talleres teórico-prácticos de cociña. A través destas sesións abórdanse casos prácticos de elaboración de menús saudables, aproveitamento de produtos de proximidade e ferramentas para facilitar a aplicación dos novos requisitos nutricionais e de sustentabilidade.

Ademais, no marco da iniciativa organizaranse saídas demostrativas e visitas a explotacións do territorio, dirixidas a responsables de comedor, ANPAS e direccións dos centros educativos. Estas xornadas permitirán coñecer de primeira man experiencias produtivas locais e poñer en valor o traballo das explotacións agroalimentarias de proximidade, fomentando a conexión entre o sector produtor e a comunidade educativa.

Con esta participación, Seitura 22 reafirma o seu compromiso coa promoción dunha alimentación sostible, o apoio ao sector agroalimentario local e a sensibilización da comunidade educativa sobre a importancia dos produtos de proximidade e de temporada no rural galego.

Para confirmar asistencia, prégase chamar ao teléfono 981 33 33 98 ou enviar un email ao correo seitura22@seitura22.gal.

SOBRE A REDE

A Rede de Comedores Sustentables xurde en 2018 do proxecto “Alimentos da Biosfera”, coordinado polo GDR Mariñas-Betanzos, e nel participan 5 Grupos de Desenvolvemento Rural procedentes das provincias de Lugo e A Coruña: Asociación Desenvolvemento Comarcal Terras de Miranda, Asociación de Desenvolvemento Comarcal da Terra Chá, Asociación Montes e Vales Orientais, Asociación Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, e Asociación Seitura 22.

No ámbito territorial das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, a Rede de Comedores contou nas últimas edicións coa participación do propio CEIP Eladia Mariño (Cabanas), así como do CEIP Francisco López Estrada (Mañón) e CEIP José María Lage (Ortigueira), ademais das Escolas Infantís Catabois e Virxe de Chamorro (Ferrol).