Ferrol, 12 de outubro. A Asociación Seitura 22 reactivará neste curso escolar o proxecto EcoComedores, e nas últimas xornadas iniciaba os contactos cos centros educativos na busca de novos aliados. Unha invitación aberta, dirixida a escolas infantís e colexios con cociña propia das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, e concellos de Miño e Vilarmaior. O obxectivo é continuar ampliando a rede de centros participantes, impulsando menús saudables que prioricen o consumo de produtos de proximidade, ecolóxicos e de tempada, apoiando deste xeito a actividade dos produtores locais e reducindo a pegada ecolóxica da alimentación.

Na procura destes obxectivos, Seitura 22 pon a disposición dos coles participantes un equipo de nutricionistas que os acompañan no proceso. Encárganse de analizar os menús do día a día e formulan propostas de mellora para lograr unha dieta saudable sen desequilibrar as contas, mantendo a raia os custes habituais destinados á cesta da compra. Ademais, propoñen seminarios de formación, charlas teóricas e obradoiros prácticos dirixidos especialmente ao persoal de cociña, centrados na elaboración de pratos cos que sacarlle o máximo partido aos produtos de tempada. Tamén para o alumnado e as familias sobre a promoción de hábitos alimenticios saudables.

O programa busca fomentar o consumo en circuítos curtos facilitando o encontro entre os centros educativos e os produtores da súa contorna máis inmediata. Deste xeito, a comunidade educativa está a apoiar as explotacións agrícolas da zona, contribuíndo a dinamizar a economía local, e abrindo a porta a novas oportunidades de negocio. Un consumo de proximidade que axuda tamén a reducir a pegada ecolóxica da alimentación -desterrando, por exemplo, produtos sobre envasados ou “alimentos quilométricos” (aqueles que cobren grandes distancias entre as áreas de produción e os seus puntos de venda)-.

Un traballo en rede que redunda, ao fin e ao cabo, nunha dieta máis saudable e ecolóxica para os nenos e nenas, fomentando así hábitos que de seguro perdurarán na súa etapa adulta e reducirán futuros problemas de saúde asociados a unha mala alimentación.

A participación no programa está aberta, e a Asociación Seitura pon a disposición dos centros o número de teléfono 981 33 33 98 e o correo seitura22@seitura22.gal para atender consultas e facilitar a inscrición.

A Rede EcoComedores xurde en 2018 do proxecto “Alimentos da Biosfera”, está coordinado polo GDR Mariñas-Betanzos, e nel participan 11 Grupos de Desenvolvemento Rural procedentes das provincias de Lugo, A Coruña e Ourense: Asociación Desenvolvemento Comarcal Terras de Miranda, Asociación de Desenvolvemento Comarcal da Terra Chá, Asociación Montes e Vales Orientais, Asociación de Desenvolvemento Rural da Comarca de Lugo, Asociación Miño-Ulla, Asociación de Desenvolvemento Rural Limia-Arnoia, Asociación Condado-Paradanta, Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural, Asociación Ulla-Tambre-Mandeo, Asociación Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, e Asociación Seitura 22.