Ferrol, 13 de outubro de 2023. A Asociación Seitura 22 vén de aprobar de forma definitiva as axudas Leader correspondentes ao anos 2023 e 2024. A presente convocatoria beneficiará finalmente a unha decena dos 25 proxectos, presentados no ámbito territorial de Ferrolterra, Eume, Ortegal, ademais de Miño e Vilarmaior. Trátase de iniciativas de desenvolvemento económico e social do territorio, que recibirán no seu conxunto 609.150 euros, é dicir, a totalidade dos fondos dispoñibles.
Xa é oficial. Un total de dez proxectos, localizados nos municipios de Ares, Cedeira (dous), Miño, Moeche (dous), Narón, As Pontes, San Sadurniño e Vilarmaior, cun investimento global de máis de 1,88 millóns de euros, recibirán fondos Leader para facilitar a súa materialización e primeiros pasos ben ao longo deste ano ou ben no próximo. Desta forma, as axudas convocadas pola Axencia de Desenvolvemento Rural, e co-financiadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, cobren un terzo do investimento.
Ata sete das subvencións aprobadas pola xunta directiva do GDR, que preside o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, irán destinadas a proxectos de carácter empresarial. Estes absorben o 65 % do importe total a conceder, destacando polo número e polo orzamento os vencellados ao sector turístico. Así, as subvencións contribuirán a facer realidade un hotel de dúas estrelas superior nas proximidades da praia de Cedeira (preto de 132.000 euros); unha experiencia piloto de agroturismo xunto ao mosteiro de Santa Catalina, en Ares; ou a mellora do labirinto máis grande de España, o de Breoghán, en Vilarmaior.
Con todo, a iniciativa que consigue captar máis fondos (case 136.000 euros) e a posta en marcha do primeiro centro de día de Cedeira, un servizo que contribuirá a mellorar a atención ás persoas dependentes e facilitar a conciliación das familias da localidade e dos concellos próximos.
Completan o listado de proxectos empresarias: unha tenda de alimentación e hixiene con selo ecolóxico dunha parroquia de Miño; unha lavandería autoservizo en Moeche (dous negocios que crean novos servizos no rural) e a ampliación das instalacións dunha firma de enxeñería das Pontes.
ASOCIACIÓNS E CONCELLOS
De marcado carácter social é o único dos proxectos “non produtivos”, impulsado por unha entidade privada. Así, a Asociación Chamorro recibirá 106.601 euros para avanzar na construción no Val (Narón) dun centro de educación para persoas con discapacidade intelectual e de atención temperá.
Por último, as axudas Leader chegarán tamén a dous proxectos promovidos pola iniciativa pública (os concellos de San Sadurniño e de Moeche). Estas entidades locais solicitaron respectivamente o apoio económico para o equipamento do Centro de transformación agroalimentaria A Fusquenlla, e para a construción dun centro cívico en Labacengos.
Descarga aquí os listados:
Proxectos PRODUTIVOS CON AXUDA CONCEDIDA
Proxectos NON PRODUTIVOS CON AXUDA CONCEDIDA DE ENTIDADES PÚBLICAS
Proxectos NON PRODUTIVOS CON AXUDA CONCEDIDA DE ENTIDADES PRIVADAS