Ferrol, 30 de abril de 2025. A Consellería do Medio Rural publicou o día 30 de abril no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria de axudas para a execución de operacións en apoio de terceiras persoas, no marco da intervención Leader do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PEPAC) 2023-2027. Esta liña de subvencións, cofinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), está xestionada polo Grupo de Desenvolvemento Rural Seitura 22 no ámbito de Eume, Ferrolterra, Ortegal, Miño e Vilarmaior e diríxese a persoas físicas, empresas, entidades públicas e privadas sen ánimo de lucro.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, e poderán acollerse proxectos vinculados tanto a actividades agrarias como non agrarias, incluíndo tamén servizos á poboación. As subvencións poderán cubrir ata o 50% do investimento para proxectos xeradores de actividade económicae no caso das entidades sen ánimo de lucro, a axuda poderá alcanzar ata o 90% do investimento.

Como novidade, a convocatoria inclúe o Bono Activa Rural, unha subvención a tanto alzado de ata 18.000 euros destinada á creación e posta en marcha de actividades non agrarias en contornas rurais. Esta axuda non está vinculada á xustificación de gastos ou investimentos, senón ao mantemento da actividade e ao cumprimento do plan empresarial presentado pola persoa seleccionada durante, polo menos, cinco anos. Estes proxectos competirán co resto na mesma categoría de actividade económica e baixo os mesmos criterios de avaliación.

Poderán optar ao Bono Activa Rural as persoas físicas que se dean de alta no réxime de traballadores autónomos e xeren unha actividade empresarial a título individual que cre, como mínimo, un posto adicional. O plan empresarial deberá demostrar a viabilidade económica e técnica da empresa, apoiándose nas condicións de mercado.

Desde Seitura 22 anímase ás persoas interesadas  a informarse sobre estas axudas acudindo ás charlas informativas que se vana  celebrar nos distintos concellos, como na web www.seitura22.gal ou chamando aos teléfonos 981 33 33 98 e 981 40 26 97.

Estas medidas buscan fomentar o desenvolvemento económico e social do medio rural, así como impulsar o emprendemento e a diversificación económica, apoiando tanto iniciativas empresariales como proxectos de interese colectivo.