Luns, 20 de abril de 2026
Rematou o prazo de solicitude das axudas LEADER cunha alta participación e un forte impulso ao desenvolvemento rural.
O prazo de presentación de solicitudes para as axudas LEADER correspondentes á convocatoria 2026 rematou cun balance moi positivo, destacando a implicación das persoas emprendedoras no medio rural.
En total, presentáronse 59 proxectos no ámbito territorial de Ferrol, Eume e Ortegal, que suman un investimento global de 8.818.149,17 €, o que pon de manifesto o interese por impulsar novas iniciativas económicas e sociais na zona.
Máis alá dos 10 proxectos de aloxamento turístico presentados e que constitúen o sector de actividade maioritario, cómpre salientar, na medida en que están intimamente relacionados coa implementación da Estratexia de desenvolvemento rural (EDLP) de Seitura 22 así como cos proxectos de cooperación Leader que coordina a Asociación varias tipoloxías de proxectos;
Así temos 9 proxectos relativos á incorporación á actividade agraria ou consistentes na transformación e comercialización de produto local que inciden na Liña Estratéxica de “Apoiar a transición cara a un sistema agroalimentario territorializado” e que apoiamos igualmente cos proxectos de cooperación www.norural e o de Comedores Escolares Sustentables.
Outros 6 proxectos están directamente relacionados coa eficiencia enerxética e mesmo coa promoción da xeración enerxética cidadá integrándose na Liña Estratéxica de “Fomentar un entorno sostible e integrador”. Sendo froito algúns deles da labor realizada a través do proxecto de cooperación Redenerxía.
Por último tamén queremos salientar os dous proxectos non produtivos froito da iniciativa de cooperación de “compostaxe descentralizada e inserción sociolaboral”.
Dende Seitura 22, Grupo de Desenvolvemento Rural encargado da xestión destas axudas, valórase moi positivamente a resposta á convocatoria. Hai que ter en conta que está convocatoria duplicaba o importe dispoñible da anterior ao dispor de 1.043.000 € e que o número de solicitudes superou amplamente o número de anteriores convocatorias gracias á implicación dos concellos e entidades asociadas na difusión das axudas.
Xa se iniciou o proceso de avaliación dos proxectos, cuxa resolución provisional está prevista para os vindeiros meses.
As axudas LEADER, cofinanciadas por fondos europeos, autonómicos e estatais, continúan sendo un instrumento fundamental para impulsar o desenvolvemento equilibrado do territorio, apoiando iniciativas que contribúen a mellorar a calidade de vida no medio rural.
