Ferrol, a 15 de setembro de 2025
Dende Seitura 22 e o GDR Terra Chá queremos poñer o foco no desenvolvemento dun proxecto de cooperación Leader para estudar a posibilidade de impulsar programas de compostaxe descentralizado de cara a facilitar a inserción sociolaboral de persoas en situacións de vulnerabilidade.
A primeira xornada, de presentación do proxecto, celebrarase o vindeiro 17 de Setembro no Café Teatro, sito no Pazo da Cultura, en horario de 17h a 19h. Nesta xornada, destinada a persoas das Xuntas Directivas e dos equipos laborais das entidades do terceiro sector, explicaremos as distintas actuacións que contempla o proxecto e coñeceremos a experiencia realizada pola asociación APADIR, que xestiona as áreas de compostaxe comunitaria no concello de Rivas-Vaciamadrid, nun proxecto de inserción sociolaboral de persoas con discapacidade.
A inclusión sociolaboral das persoas en situación de vulnerabilidade e colectivos de persoas con discapacidade, é o obxectivo deste proxecto, que pretende dar a coñecer diferentes experiencias realizadas neste ámbito a nivel local e nacional, e facilitar ás entidades participantes o inicio dun itinerario para a realización do seu propio proxecto no seu concello.
As distintas alternativas da compostaxe descentralizada – individual, comunitaria e agrocompostaxe – teñen demostrado, en gran número de vilas galegas, que son unha oportunidade viable, para xestionar importantes cantidades destes residuos. Os beneficios son múltiples: económicos, polos traballos realizados; ambientais, polos aforros en transporte dos residuos, a redución de emisións de CO2 e de metano nos vertedoiros , pola captación de CO2 na terra e no propio proceso da compostaxe, pola produción dun abono de calidade que retorna a terra; e sociais, como estratexia de inclusión e visibilización dos colectivos mais desfavorecidos da nosa sociedade.
Estes procesos relacionados coa compostaxe poden supoñer unha oportunidade para as entidades do terceiro sector: dende a instalación destas áreas, ata a xestión e manexo das áreas de compostaxe comunitarias, dos residuos orgánicos procedentes de centros de hostalería, comedores comunitarios, etc., como se ten demostrado noutras áreas de España.
