Ferrol, 17 de marzo de 2026
O programa impulsado por Seitura 22 para apoiar a organización de feiras agroalimentarias está a espertar un gran interese entre os concellos do territorio.
Ata o momento, seis concellos xa se puxeron en contacto coa entidade para coñecer os detalles da iniciativa e valorar a súa participación. Esta resposta inicial reflicte o apoio das administracións locais a este tipo de iniciativas que contribúen a dinamizar o territorio e a poñer en valor aos produtores e produtos agroalimentarios da zona.
O programa desenvólvese ao abeiro da iniciativa Terralimenta da Fundación Daniel & Nina Carasso e ten como obxectivo apoiar aos produtores locais e fomentar o consumo de produtos de tempada e de proximidade nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, así como nos concellos de Miño e Vilarmaior.
Dada a boa acollida da iniciativa, estase a elaborar unha lista de agarda coas solicitudes que continúan chegando, por se se producen renuncias por parte dalgún proxecto ou no caso de que se habilite novo crédito ou financiamento adicional.
Desde Seitura 22 valoramos moi positivamente o interese amosado polos concellos do territorio, que reflicte un claro compromiso co impulso das feiras locais e coa promoción do sector agroalimentario.
