Ferrol, a 3 de febreiro de 2026

O GDR Seitura 22 informa da publicación da nova convocatoria de axudas da Intervención Leader o luns día dous de febreiro no Diario Oficial de Galicia. Unha convocatoria de récord ao abeiro do PEPAC 2023 – 2027, que contará cunha das dotacións orzamentarias máis elevadas da historia. Concretamente, o GDR Seitura, repartirá 1.043.698,26 € en axudas a proxectos que se desenvolvan nos concellos de Eume, Ferrolterra, Ortegal, Miño e Vilarmaior.

As persoas promotoras poderán presentar solicitudes de axuda ata o 6 de abril do presente ano para proxectos produtivos e xeradores de actividade económica ou para proxectos non produtivos, promovidos por entidades sen ánimo de lucro.

O importe máximo desta liña de axudas é do 50% do investimento, cun límite de 200.000 € de axuda, para proxectos produtivos e de ata o 90% do investimento, cun límite de 50.000 €, para proxectos non produtivos.

O reparto dos fondos Leader atenden á concurrencia competitiva que marcan as bases reguladoras mediante a aplicación a cada un dos proxectos presentados dos criterios de baremación e selección que define a Estratexia de Desenvolvemento Local do GDR Seitura 22.

AMPLIACIÓN DOS PRAZOS DE EXECUCIÓN

Outra das novidades que recollerá esta nova convocatoria é a ampliación do prazo de execución e xustificación a tres anualidades. De tal xeito, as persoas e entidades promotoras poderán levar a cabo o seu proxecto e inversións ao longo de 2026, 2027 e 2028.

Concretamente, o 10% do orzamento deberá estar executado antes do remate de 2026, o 40% antes do 1 de xullo de 2027 e o restante 50% antes do 15 de setembro de 2028.

BONO ACTIVA RURAL

O Bono activa rural basease nun importe de axuda a tanto global destinado á creación e posta en marcha de actividades non agrarias, a axuda non estará vinculada á xustificación de ningún gasto ou investimento, senón que se vincula ao mantemento da actividade e ao cumprimento do plan empresarial presentado pola persoa beneficiaria durante polo menos cinco anos, contados dende a data da alta censual.

Os proxectos que se beneficien desta modalidade de axuda concorren cos demais proxectos de natureza produtiva que se presentan ao abeiro das diferentes convocatorias.

As persoas beneficiarias desta tipoloxía de proxectos son as persoas físicas, que se dean de alta no réxime de traballadores autónomos e xeren unha actividade empresarial a título individual na que polo menos creen o seu posto de traballo. A axuda poderá acadar ata un máximo de 18.000,00 €.

O GDR Seitura 22 conta con dúas oficinas, unha en Ferrol e outra en Ortigueira, para a atención a todas aquelas persoas que teñan en mente a posta en marcha dun proxecto no rural e anima a que contacten no 981 333 398 e no 981 402 697 ou no correo electrónico info@seitura22.gal para obter máis información sobre esta liña de axudas