Miño, 23 de novembro de 2023. A Asociación Seitura 22 celebraba esta mañá en Miño unha xornada de traballo para facer balance do camiño andado neste último exercicio co proxecto “Nó Rural” e abordar tamén as liñas de actuación durante os próximos 4 anos. Un camiño marcado pola aprobación da Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia e as ferramentas que brinda para reactivar o uso agrario, gandeiro e forestal das máis de 500.000 hectáreas de terra que a día de hoxe se atopan en desuso ou abandonadas na nosa Comunidade. Dar a coñecer esas posibilidades de recuperación a través de figuras como os polígonos agroforestais, permutas ou aldeas modelo foi, precisamente, un dos obxectivos perseguidos por “Nó Rural” neste tempo, pero tamén radiografar o territorio na procura de iniciativas para impulsar esa reactivación da terra, e mesmo servir de punto de unión entre propietarios e demandantes de terra.

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, presidía a inauguración da xornada esta mañá, xunto ao alcalde de Ortigueira e directivo de Seitura 22, Valentín Calvín, e o concelleiro de Promoción Económica de Miño, José Manuel Pantín. Xunto a eles, o xerente de Seitura 22, Miguel Teixido, e Cristina Bañobre, responsable do Centro de Apoio e Servizos ao Sector Hortofrutícola Sustentable, espazo de celebración da xornada, na que tomaron parte unhas 40 persoas.

Tralas súas intervencións, os técnicos do proxecto Pablo Aurelio e Diego Quintas tomaban a palabra nun coloquio moi participativo no que a directora xeral foi intercalando as súas intervencións ao redor da nova normativa. A grandes rasgos, foron repasando pormenorizadamente o traballo de campo realizado, presentando territorialmente as iniciativas que están sobre a mesa para impulsar esa recuperación de uso da terra a través da posta en marcha de proxectos agrogandeiros. En suma, déronse conta de 22 potenciais polígonos agroforestais e 2 potenciais aldeas modelo. Un proceso que só acaba de arrincar. Precisamente, Inés Santé valoraba moi positivamente o traballo de identificación de posibles iniciativas a desenvolver, brindando toda a colaboración do seu departamento para darlles o último impulso a través de precompromisos de adhesión.

A xornada concluía cunha mesa redonda moderada polo patrono da Fundación para o Avance da Enxeñería Agronómica, Ricardo Vázquez, e a participación de Cristina Bañobre; Leticia Iglesias, xerente de “Na Horta da Avoa María” e traballadora da Agrupación Agroalimentaria do Eume, e Guillermina Fernández, do centro de formación EFA Fonteboa.

Así mesmo, o presidente da Asociación Mariñas-Betanzos, José Antonio Santiso, e o alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, acompañados da directora xeral, daban por clausurada a xornada.