Mañón, 2 de xaneiro. Trala recente cesión da estación ornitolóxica de Estaca de Bares ao Concello de Mañón por parte da Xunta, a Administración local asinaba un convenio de colaboración coa Asociación Seitura 22 para levar a cabo unha actuación de mellora e rehabilitación das instalacións no marco do proxecto de cooperación Leader “Conectando biodiversidade”.

O obxectivo da intervención era poñer en valor este espazo, situado nunha privilexiada posición, no cabo máis septentrional da Península Ibérica, paso obrigado de centos de miles de exemplares de diferentes especies mariñas como alcatraces, alcas, pardelas ou cormoráns. Unha posición que o sitúa como un dos mellores observatorios de aves de todo o continente, destino preferente para amantes da ornitoloxía non só de toda España, senón tamén doutros países como Reino Unido, Alemaña, Finlandia ou Francia. Unha visita que se intensifica dende o mes de setembro a decembro, época de migración das aves mariñas na procura de climas máis cálidos.

Conscientes do seu valor estratéxico, e da necesidade de impulsar accións de mellora nas instalacións, Concello e Seitura 22 unían forzas para facer posible esta intervención rehabilitadora, na que se investiron 18.719,31 euros.

No último trimestre do ano, Consellería de Medio Ambiente e Concello subscribían un convenio de cesión da xestión de uso das instalacións a favor da Administración local. Cunha vixencia de 20 anos, en contrapartida, esta asumía os labores habituais de mantemento, así como a atención das solicitudes de pernoita nas instalacións, simplificando deste xeito o procedemento e facilitando a estancia. Neste sentido, trátase dun dos únicos refuxios de uso público e gratuíto que permiten a pernoita, de ata 4 personas, sumando así un aliciente para a visita.

Neste contexto, Seitura 22 convertíase nun aliado clave do Concello, asinando un acordo de colaboración para a execución de diferentes obras para a mellora e posta en valor das instalacións. Entre elas, o arranxo das ventás, a revisión e reparación da cuberta para evitar filtracións, reparacións no chan, pequenas melloras na zona de cociña, a adquisición e instalación dun novo quentador, ou a colocación dun panel interpretativo, entre outras.

Así, o xerente de Seitura 22, Miguel Teixido, valoraba positivamente as obras realizadas, que optimizan a funcionalidade das instalacións, e por ende, o seu uso e desfrute por parte da cidadanía, e mostraba o compromiso da asociación co impulso de accións de mellora medioambiental deste tipo no marco do proxecto “Conectando Biodiversidade”.