Proba superada con éxito. Seis comunidades enerxéticas que xa están en marcha, e outras tres en fase xestacional, protagonizaron a pasada fin de semanas en Moeche o “Primeiro encontro de comunidades enerxéticas de Galicia”. Trátase dun foro destinado a dar pulo a estas organizacións nas que cidadáns, pemes e mesmo administracións locais se unen para producir e compartir a súa propia enerxía renovable. A iniciativa, organizada no marco do proxecto Redenerxía, busca ser o xerme dun traballo en común, que contribúa a resolver atrancos e abaratar custos. A primeira medida, xa está en carteira.

A colaboración dos catro Grupos de desenvolvemento rural (GDR) que están detrás do proxecto de cooperación Redenerxía: Seitura 22, Terra Chá, Terras de Miranda e Ulla-Tambre-Mandeo fixo posible o encontro, que contou co apoio do Observatorio Eólico de Galicia (OEGA), do Concello de Moeche e máis da Comunidade Enerxética ACER Moeche. O obxectivo central non era outro que poñer en común experiencias das comunidades radicadas nos ámbitos de traballo dos GDR, identificar solucións aos problemas, e tecer alianzas entre elas.

Así, entre as comunidades participantes estiveron as de Xermade, Moeche e Portabouza (Arbo), con instalacións de entre 40 e 60 kWp, que seguen agardando a luz verde de distintas administracións para poder arrancar a compartir enerxía. Sumáronse ademais as de Porto do Cabo (Valdoviño), O Rosal e San Sadurniño, xa constituídas legalmente, con estudos técnicos, e pendentes de definir novos avances. Por último, asistiron veciños da Campiña (Bergondo), a Comunidade de Montes Veciñais da Pedra (Cariño) e o Concello Muras, aínda en fase xestacional.

Na sesión debatéronse e apuntáronse os principais freos que xorden no camiño. Nesta liña, os representantes das comunidades enerxéticas puxeron o foco especialmente nos atrancos burocráticos existentes, que eternizan a posta en marcha impedindo que comece a produción de enerxía. Incidiron tamén especialmente no problema que representan os elevados prezos dos seguros, que restan rendibilidade aos proxectos.

Falouse de oportunidades como a das compras compartidas (de electricidade, de placas, de baterías…) e adoptouse a decisión de avanzar conxuntamente na negociación das pólizas de seguro que deben contratar as comunidades, buscando así mellorar as ofertas e reducir estes custos fixos.

Finalmente, houbo tempo para resolver, da man da Asociación galega de comunidades enerxéticas, dúbidas legais sobre a compra de electricidade, sobre a cesión de electricidade por parte de empresas a terceiros, e sobre como negociar a repotenciación eólica. E houbo ocasión nesta xuntanza en Moeche de coñecer proxectos como o de Enerxía Comunitaria, que aspira poñer en marcha o primeiro parque eólico comunitario de Galicia, propiedade dos seus socios; ou o da Cooperativa Nosa Enerxía, Cooperativa Nosa Enerxía dedicada a comercializar electricidade procedente de fontes renovables.

Redenerxía ten o propósito de activar novas iniciativas e proxectos de enerxía comunitaria, e acompañar ata finais do 2027 ás comunidades existentes para desbloquear os seus proxectos enerxéticos, ofrecendo apoio técnico, xurídico e administrativo gratuíto no territorio dos catro GDR.