Ferrol, 13 de novembro de 2023. As escolas infantís de Ferrol dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais súmanse á Rede EcoComedores. Esta mañá o presidente de Seitura 22 e alcalde da cidade, José Manuel Rey Varela, e o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey Sastre, rubricaban o acordo de colaboración.

Na práctica, “supón a entrada na rede da Escola Infantil Catabois e da Escola Infantil Virxe de Chamorro, converténdose nas primeiras escolas infantís da comarca de Ferrol en integrarse no proxecto”, tal e como subliñou Rey Varela. As dúas, con cociña propia, “asumen así o compromiso de incorporar aos seus menús diarios produtos de proximidade, de temporada e, na medida do posible, ecolóxicos”, engadía. Contarán neste camiño “co apoio do equipo de nutricionistas da Rede EcoComedores, que acompañarán aos centros no proceso, avaliando os seus menús e formulando propostas de mellora”. O obxectivo, apuntou o presidente de Seitura 22, “é acadar unha dieta saudable dende a infancia” na procura da adopción duns hábitos que perduren na etapa adulta e eviten problemas futuros de saúde vinculados a unha incorrecta alimentación. Ademais, as escolas estarán apostando polo consumo en circuítos curtos, e apoiando así a actividade económica dos produtores locais, e contribuíndo á mitigación do cambio climático reducindo a pegada ecolóxica da alimentación.

Sobre o terreo, o primeiro paso arrancará coa elaboración das fichas técnicas dos menús por parte das nutricionistas, e de acordo co persoal dos centros, diminuirase a porcentaxe de proteína animal nos pratos e aumentarase progresivamente a de verduras e hortalizas. Así mesmo, iniciarase a compra de produto ás explotacións ou entidades asociativas de produtores e asumiranse as receitas que o equipo de nutricionistas formulen de forma consensuada cos centros.

No ámbito territorial das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, a Rede EcoComedores conta a día de hoxe coa participación do CEIP Eladia Mariño (Cabanas), CEIP Francisco López Estrada (Mañón) e CEIP José María Lage (Ortigueira). Unha relación que agora suma ás Escolas Infantís Catabois e Virxe de Chamorro, e continúa aberta a novas adhesións, para o que poden contactar con Seitura 22 no número de teléfono 981 33 33 98 ou o correo seitura22@seitura22.gal.

A Rede EcoComedores xurde en 2018 do proxecto “Alimentos da Biosfera”, está coordinado polo GDR Mariñas-Betanzos, e nel participan 11 Grupos de Desenvolvemento Rural procedentes das provincias de Lugo, A Coruña e Ourense: Asociación Desenvolvemento Comarcal Terras de Miranda, Asociación de Desenvolvemento Comarcal da Terra Chá, Asociación Montes e Vales Orientais, Asociación de Desenvolvemento Rural da Comarca de Lugo, Asociación Miño-Ulla, Asociación de Desenvolvemento Rural Limia-Arnoia, Asociación Condado-Paradanta, Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural, Asociación Ulla-Tambre-Mandeo, Asociación Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, e Asociación Seitura 22.