Ferrol, 5 de outubro. O mundo da apicultura ten dobre cita esta fin de semana en Goente. A Casa do Mel organiza unha nova entrega- a número 24- das “Xornadas de apicultura do Eume”, unha iniciativa que terá nesta ocasión un aquel especial, pois servirá para conmemorar o vixésimo aniversario da entidade. O foro será, como vén sendo habitual, o prólogo dunha das festas gastronómicas con máis sona de Ferrolterra, Eume e Ortegal, a XIII Feira do queixo e do mel de Goente.
As xornadas divulgativas, abertas ao público en xeral, pero de especial interese para os profesionais e para a xente afeccionada ao mundo das abellas, convocarán ao longo do sábado 7 de outubro na parroquia pontesa a persoas expertas de distintos puntos de Galicia e do resto de España. Será pois un punto de encontro para analizar algúns dos desafíos que ten por diante o sector apícola.
A actividade arrincará ás 10 horas cunha ponencia sobra a adulteración e residuos en cera de abella e as súas consecuencias, e concluirá ao atardecer cunha charla sobre os métodos para loitar contra a vespa velutina, a principal ameza que se cerne sobre o sector (a partir das 18.30 h). Entre medias, unha conferencia sobre o que suporía para o desenvolvemento da apicultura local a incorporación á Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia (11.30 h) e, coa vista posta no programa de selección xenética da abella negra local que promove Casa do Mel, o achegamento a unha experiencia similar desenvolvida en Gran Canaria (16.30 h).
Con todo, o prato forte das xornadas chegará ás 12.30 horas, coa mesa redonda “20 anos de Casa do Mel, proxectos de futuro”. Será, tal e como apunta Manuel Ferreira, presidente da entidade, momento de facer balance dos avances rexistrados nestas dúas décadas e tamén do intenso traballo de formación e divulgación desenvolvido pola entidade. “A nosa maior satisfacción é que moitos dos nenos que entraron na Casa do Mel da man dos seus mestres son hoxe apicultores”, conclúe Ferreira. Na mesa redonda participarán representantes de distintos concellos e de asociacións coas que colaboran dende hai anos como Seitura 22, que ademais brinda apoio ás xornadas.
Unha carpa instalada nas inmediacións da igrexa parroquial de Goente acollerá as conferencias e, ao día seguinte será tamén escenario da XIII Feira do queixo e do mel, unha aposta de Casa do Mel, Queserías del Eume e Concello das Pontes para “dar a coñecer e poñer en valor dous produtos locais agro alimentarios diferenciados, así como fomentar o seu consumo entre as persoas visitantes”.